jueves, 28 de enero de 2010

Nace Artevigo...

Artevigo

Bioloxía, ecoloxía e uso do hábitat das especies de peixes obxetivo da flota artesanal na Ría de Vigo: mecanismos de xestión ecosistémica



Con un par de meses de retraso, anunciamos o nacemento de Artevigo, un proxecto que pretende adentrarse no coñecemento da bioloxía e ecoloxía dos peixes que pesca a flota artesanal de Galicia. É un proxecto financiado pola Xunta de Galicia, con vixencia ata novembro de 2012. Aqui pretendemos contar a evolución do traballo e as vivencias ó longo destes 3 anos que quedan por diante...casi nada.

Para empezar e irnos situando, deixo un resumo de Artevigo...

A pesca artesanal, representada por máis de 4500 embarcacións, representa un sector primordial en Galicia desde o punto de vista social (120000 empregos), económico (12%PIB) e cultural. Os peixes representan o grupo máis importante para o sector (94% do peso total descargado en lonxa), xunto con moluscos e crustáceos. Sen embargo, a bioloxía, ecoloxía e comportamento das especies de peixes obxectivo desta flota artesanal permanece descoñecida en canto ó número de especies estudadas e a calidade da información dispoñible. Isto levou clasicamente a unha regulación dos recursos baseada en aspectos non científico-técnicos. Esta xestión clásica dos recursos pesqueiros comerciais baseada na avaliación do tamaño do stock e o control da mortalidade demostrou grandes deficiencias, sendo de difícil aplicación na pesca artesanal. Nos últimos anos, sen embargo, están resultando efectivas novas ferramentas de xestión pesqueira (Ecosystem approach to Fisheries). Estas medidas de xestión dan importancia non só os individuos, se non tamén á relación destes co hábitat e as interaccións interespecíficas. As reservas mariñas, totais ou parciais, representan unha das ferramentas máis eficaces dentro desta nova corrente de manexo costeiro en todo o mundo.
O presente proxecto nace co obxectivo de afondar no coñecemento da bioloxía, ecoloxía e comportamento das especies obxectivo da flota artesanal galega. Toma como caso de estudio a Ría de Vigo, pero os resultados serán aplicables ó conxunto do sector en Galicia, xa que os procesos ecolóxicos son similares en toda a costa galega. Preténdese obter a información necesaria nos campos da historia vital (crecemento, maduración, fecundidade e condición), as necesidades de hábitat, os patróns de movemento e comportamento e a distribución destas especies. A adquisición do coñecemento básico para as diferentes especies permitirá propor ferramentas de xestión eficaz par ao sector, como medidas técnicas básicas (tallas mínimas, esforzos pesqueiros, regulación de artes e aparellos), vedas temporais e / ou limitacións espaciais. En particular, avaliarase se a creación de pequenas reservas mariñas pode incrementar o potencial reproductivo das especies levando a unha explotación máis sostíbel. Neste senso, farase un esforzo especial en tentar resolver se o Parque Nacional das Illas Atlánticas (representado na Ría de Vigo polas Illas Cíes), está a exercer algún tipo de protección nas poboacións de peixes da Ría. O proxecto conta cun gran traballo de campo para a caracterización da flota artesanal, obtención de mostras de peixes, caracterización de hábitats e sesións de telemetría. Así mesmo, será intenso o traballo de laboratorio para o procesado histolóxico (ciclo reproductivo e maduración), determinación da idade e da fecundidade.
Especialmente innovador será o uso de tecnoloxía hidroacústica para a elaboración de mapas de hábitats e o estudio de movementos dos peixes. Utilizaranse sistemas de telemetría formados por pingers emisores (incorporados ós peixes) e un sistema de receptores permanente fondeado na zona de estudio. Está tecnoloxía será utilizado por primeira vez para estudar tamaños de área vital ( home range ), patróns diarios de actividade, fidelidade espacial e preferencias do hábitat dos peixes obxectivo da flota artesanal galega. Toda esta información será integrada e xeoreferenciada mediante o uso de SIX. Os resultados obtidos da análise dos dados constituirán o coñecemento de base para a elaboración de propostas de regulamento do sector. O grupo solicitante conta cunha ampla experiencia para o desenvolvemento do traballo aquí proposto, con máis de 20 anos de traballo no estudio da ecoloxía de especies de interese comercial, participando activamente nos procesos de avaliación e xestión dos recursos pesqueiros. A incorporación da tecnoloxía hidroacústica, metodoloxía innovadora para este tipo de estudos en Galicia, contará coa axuda de 3 dos investigadores incluídos no proxecto, do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (UIB-CSIC), e co colaboración de membros da Universidade da Coruña.

2 comentarios:

  1. Enhorabuena! Un proyecto bonito, ilusionante y necesario. Mucha suerte, y sorprender a todo el mundo (mejor para bien) con las posibilidades y descubrimientos que generará el proyecto.
    Suerte!

    Miguel Bao

    ResponderEliminar
  2. Ánimo co proxecto!! Ten moi boa pinta, e penso que un bo futuro para ter un control e regulación efectiva nun dos recursos estratéxicamente máis importantes para Galicia: a pesca.
    Seguirei atento os vosos resultados.

    ResponderEliminar